A actividade de Mazarelos coordínase dende Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil sen ánimo de lucro. Dende a cooperativa desenvolvemos estratexias de comunicación e divulgación dixital, proxectos de investigación histórica e accións culturais.

Fundámola en marzo de 2021 co obxectivo de establecer o proxecto, garantir a súa continuidade no tempo e ampliar as posibilidades e campos de acción.

David Miguel Rodríguez Martínez

Teo, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de doce meses na Universidad Autónoma de Aguascalientes, México. Estudei o mestrado de Historia Contemporánea (2019) e o de Formación de Profesorado (2020) na Universidade de Santiago de Compostela.

Dende o ano 2020 son editor da revista Mazarelos e teño experiencia na dirección e execución de proxectos vinculados coa xestión cultural e a divulgación histórica. Tamén na elaboración de plans de comunicación e entrevistas no eido cultural galego. No plano da investigación, céntrome na perspectiva de xénero nos movementos migratorios galegos, na memoria oral e nas dinámicas sociais no contexto rural galego do século XX.

Laura Rodríguez Rodríguez

Salvaterra de Miño, 1999. Graduada en Historia e Xornalismo pola Universidade Rei Juan Carlos. Cursei o mestrado universitario en Estudos Medievais Europeos. Imaxes, textos e contextos na Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2022 colaboro con Mazarelos en iniciativas de divulgación como O Reino no mapa, proxecto de investigación cartográfica sobre a Galicia medieval. En 2023 participei nunha investigación chamada Da aldea e da cidade. Memoria colectiva de Sar, Santa Marta, San Lázaro e A Peregrina liderada polo grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da USC.

Actualmente realizo os meus estudos de doutorado na USC sobre o concubinato rexio medieval e como esta estratexia de xestión política serviu de modelo de fundación monástica para a espiritualidade nos reinos de León e Castela por parte das nobres concubinas.

Colabora

Roque Sanfiz Arias

Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.