Mazarelos.gal é un proxecto que busca achegar a historia e a cultura a novos públicos, explorando diferentes formatos e adaptándonos ás necesidades comunicativas de hoxe. Na actualidade conta con máis de 200 publicacións e unha rede que supera os 50 colaboradores e colaboradoras.

Mazarelos: revista de historia e cultura é unha publicación en papel e dixital de periodicidade cuatrimestral. Nela publicamos artigos de investigación, entrevistas e recensións sobre historia e cultura dende un enfoque divulgativo. Na actualidade vai pola décima edición e é autoxestionada por Mazarelos.

O Reino no mapa é un proxecto creado por Mazarelos para divulgar o Reino Medieval de Galiza. Baséase na elaboración de diferentes mapas que utilizan como nexo de unión o espazo ocupado polo Reino. A intención é mostrar de maneira visual e gráfica diferentes aspectos da organización política, social e cultural do reino e o seu encadramento no mundo da época.

Loitar saben é unha serie documental que trata en dous espazos e temporalidades ben diferenciadas experiencias da vida das mulleres galegas. A través das súas lembranzas e da súa memoria, achegámonos a fenómenos do pasado.

Facer memoria é un espectáculo teatral innovador que utiliza como material artístico a tradición oral galega. É un proxecto cargado de memoria e forte impacto na comunidade, xa que aproveita os contos e historias da xente dun lugar. É dirixido por Berrobambán e Mazarelos Coop ocúpase da investigación histórica e conexión coas fontes orais.

En loita (2026) é un proxecto documental que recupera e visibiliza a participación das mulleres no movemento estudantil galego durante o tardofranquismo e os primeiros anos da democracia. A peza constrúe un relato coral a partir das voces de catro mulleres de distintas xeracións universitarias, que participaron en contextos, colectivos e momentos diversos, permitindo observar a continuidade e transformación das formas de mobilización ao longo do tempo.

Esta unidade didáctica propón unha aproximación á resistencia antifranquista en Galicia, cun enfoque central na experiencia das mulleres: guerrilleiras do monte e do chan, enlaces, represaliadas e protagonistas silenciadas. Proxecto seleccionado en concorrencia competitiva pola Secretaria de Estado de Memoria Democrática do Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática.

O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais é un centro de investigación de nova xeración, integrado no Sistema Universitario de Galicia. Elaboramos o plan de comunicación, a estratexia dixital e xestionamos a súa comunicación interna e externa.

O Baixa á praza trátase dun ciclo de entrevistas no que falamos con diferentes investigadoras expertas nas humanidades e as ciencias sociais. O fin que buscamos é a transmisión de coñecementos de forma divulgativa a todos os públicos, con materiais audiovisuais accesibles e de libre utilización.

Memorias vivas é un microsite dedicado ao Desastre de Annual e á descolonización dos territorios africanos. Nela pódense atopar varios recursos sobre esta cuestión entre os que destacan as entrevistas a persoas relacionadas con eses dous apartados.

Proxecto do CCG e o grupo de investigación Hispona para catalogar e dixitalizar o arquivo privado Miguel Gutiérrez, unha das maiores coleccións de propaganda política da Transición en Galicia.

Facer memoria é un espectáculo teatral innovador que utiliza como material artístico a tradición oral galega. É un proxecto cargado de memoria e forte impacto na comunidade, xa que aproveita os contos e historias da xente dun lugar. É dirixido por Berrobambán e Mazarelos Coop ocúpase da investigación histórica e conexión coas fontes orais.

O Recomenda! é unha serie de microvídeos protagonizados por persoas relacionadas co mundo da cultura nos cales recomendan unha lectura, unha película ou un espectáculo cultural para un pública variado, xa que cada proposta está destinada a un perfil diferente en función dos gustos persoais.

Actividade de formación permanente do profesorado de carácter interdisciplinar, organizada pola CIG-ensino e homologada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Mazarelos foi convidado nas súas dúas edicións nos anos 2021 e 2022.

Deseño das campañas e creatividades da VII Edición do Día dos Medios en Galego, organizado pola Asociación de Medios en Galego que combinou unha sesión de concertos e un conxunto de roteiros históricos ao longo do mes de febreiro.

Asesoramento histórico para o proxecto #ConexiónCoReino, gañador do Fondo de Proxectos Culturais da Deputación de Coruña producido por Brava.gal e dirixido por Belén Puime

“Cronoaventuras: O Reino de Galicia” é un xogo de cartas cooperativo, onde xogadoras e xogadores terán que axudar a un viaxeiro espacial que está perdido no Reino a recuperar a súa nave e volver ao seu tempo. Mazarelos encargouse da investigación e asesoramento histórico sobre os seus contidos.

Deseño das campañas e creatividades da VIII Edición do Día dos Medios en Galego, organizado pola Asociación de Medios en Galego que celebrou un concerto con Leria e A Banda da Loba no Playa Club de A Coruña.

En colaboración coa Deputación da Coruña, Mazarelos elaborou unha guía didáctica sobre os medios en galego. Contén dúas unidades didácticas adaptadas ao currículo da ESO e do Bacharelato, un percorrido histórico polas primeiras publicacións en galego e unha listaxe de máis dun centenar de medios.

Mazarelos desenvolveu varios obradoiros formativos pensados para cursos da ESO e Bacharelato centrados en coñecer a historia dos medios de comunicación en galego. Preparou a guionización e os materiais empregados, e tamén ocupou a tarefa de impartilos entre os meses de marzo e abril.