Mazarelos: revista de historia e cultura, 5 anos de publicación

Mazarelos é unha publicación periódica de carácter cuadrimestral de contidos divulgativos sobre historia e cultura. O seu nome vén da proximidade da praza de Mazarelos coa Facultade de Xeografía e Historia, lugar de encontro entre a academia e o ocio. O primeiro número saíu do prelo en xaneiro de 2020 logo dunha campaña de micromecenado. Desde aquela o obxectivo principal da publicación foi combinar nas súas páxinas o rigor científico e académico coa linguaxe divulgativa e amena que permita facer chegar os contidos ao público tanto especializado como xeral.

En 2019 tres estudantes recentemente graduados en Historia pola USC decidiron abrir unha revista dixital de historia e cultura: Mazarelos.gal. Naceu con vontade de ser un espazo para que novas e novos historiadores puidesen compartir algún artigo do seu interese cun público amplo. Na actualidade conta con máis de 200 textos de 60 colaboradoras e colaboradores diferentes entre artigos, entrevistas, reportaxes e editoriais.

A experiencia da plataforma web animou ao grupo impulsor ao lanzamento dunha revista en papel. En outubro de 2019 anunciaron o inicio dunha campaña de micromecenado co obxectivo de recadar os suficientes cartos para financiar o primeiro número. Finalmente superáronse as expectativas, conseguindo o 121% do necesario grazas a 110 persoas cofinanciadoras. Como recoñecemento ao seu altruísmo, na contraportada do primeiro número da revista apareceron os nomes de todas as persoas que contribuíron.

O 16 de xaneiro de 2020, mesmo día no que nacera un ano antes Mazarelos.gal, a revista en papel foi presentada no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (sita na compostelá praza de Mazarelos).

A revista Mazarelos sae 3 veces ao ano. A súa extensión alcanzou unha media de 90 páxinas nos primeiros números, mentres que na actualidade esa cifra sitúase nas 75 páxinas. Cada certos meses anúnciase a apertura da convocatoria para recibir propostas de artigos para publicar na revista. Estes teñen que estar inscritos tematicamente na Historia, nas Ciencias Sociais, nas Humanidades ou na cultura en sentido amplo.

Todos os textos publícanse en galego e poden enviarse tanto na norma RAG como na AGAL. Ademais, todos os textos deben ser inéditos. Con respecto ao formato, o máis común son artigos de investigación ou divulgación, mais tamén admite poemas, recensións de libros e reportaxes de actualidade. Todas as propostas deben cumprir coas normas de publicación da revista.

En canto ao sistema de avaliación, primeiro pasa un filtro editorial e logo é enviado a pares cegos externos. Posteriormente o equipo editorial recibe a proposta final, lévase a corrección ortográfica e maquetado. Este último proceso é compartido coa autora ou autor para o visto bo e publicación.

Todos os números están dispoñibles tanto en papel como na hemeroteca dixital de Mazarelos. A publicación adoita manter unha estrutura en canto á presentación dos seus contidos:

  • Capa. Todos os números están encabezados pola obra dunha artista galega. No primeiro número foi unha fotografía, e nos seguintes unha ilustración.
  • Editorial. Ao abrir a revista é o primeiro que aparece. Trátase dun breve texto de poucos parágrafos nos cales se reflexiona sobre algún tema en concreto relacionado coa Historia, sexa de actualidade ou non.
  • Convidada/o. O primeiro artigo escríbeo unha convidada ou convidado seleccionado polo equipo editorial por considerar de interese as súas liñas de investigación.
  • Persoeiro. Nalgúns números tamén ocupa os primeiros postos un artigo dedicado a algunha persoa que fixese algunha contribución á cultura galega pero que non tivo unha repercusión demasiado notable.
  • Artigos centrais. O corpo central da revista está constituído por artigos de investigación, divulgación ou reportaxes enviados por persoas interesadas en publicar na revista. Adoitan publicarse 4 ou 5 artigos por número.
  • Entrevista. En cada número publícase en penúltimo lugar unha conversa entre dúas persoas. O que pretende a publicación é ofrecer ás lectoras e lectores unha conversa na cal, a partir dunha pregunta, as dúas persoas poidan dialogar, interrumpirse e incluso preguntarse cuestións entre elas. Adoitan ser persoas relevantes do mundo da cultura ou da universidade.
  • Artigo sobre unha asociación. Para pechar cada revista convídase a unha persoa dalgunha asociación ou entidade que se considere de interese para escribir un artigo contando a historia e a actividade actual da agrupación.

Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil é quen se encarga de editar a publicación. Naceu en marzo do 2021, cando os impulsores da revista decidiron abrir unha cooperativa homónima co obxectivo de estabilizar o proxecto e manter a súa continuidade no tempo.