Mazarelos elabora unha guía didáctica sobre a historia dos medios en galego

Un proxecto da Asociación de Medios en Galego e a Deputación da Coruña

O 7 de febreiro de 1876, Valentín Lamas Carvajal lanzou O Tío Marcos d’A Portela, a primeira publicación monolingüe en galego. Esta data é conmemorada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) como o Día dos Medios en Galego, promovendo actividades que visibilicen e reforcen a presenza dos medios que empregan a nosa lingua no ecosistema mediático.

Este ano, AMEGA publica a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo destinado ao alumnado de educación secundaria que explora a evolución e a situación actual do xornalismo na nosa lingua. A publicación, realizada coa colaboración da Deputación da Coruña, estará dispoñible para descarga libre na súa web e será utilizada en diversos centros educativos da provincia.

A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, estrutúrase en dúas unidades didácticas adaptadas ao currículo da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato. O material aborda as orixes e a evolución dos medios en galego, os novos formatos e os desafíos actuais. Ademais, inclúe un percorrido histórico polas primeiras publicacións en galego do século XIX ata os medios dixitais contemporáneos, así como un dossier cunha listaxe de máis dun centenar de medios dispoñibles en liña.

Miguel Rodríguez, un dos autores da guía, destacou que o obxectivo principal é que “sexa unha ferramenta útil para os centros educativos e para o profesorado, axudando a incorporar os medios en galego como unha referencia habitual na aula. Ao mesmo tempo, busca poñer en valor o traballo de recompilación e dixitalización levado a cabo por múltiples axentes e institucións ao longo dos anos”.

Pablo García Fernández, presidente de AMEGA, subliñou que esta iniciativa “supón un paso máis cara ao fortalecemento da presenza do galego nos medios de comunicación, garantindo que as novas xeracións valoren e empreguen a nosa lingua tamén no ámbito informativo”.

O material será utilizado en centros como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero), ofrecendo ao alumnado unha visión completa da historia da prensa, a radio, a televisión e os medios dixitais en galego.

A guía didáctica pode consultarse en www.mediosengalego.gal/guiadidactica e na web da Deputación da Coruña.